Fondo cabecera Concello de Carballedo

Personaxes Ilustres

VICTOR MANUEL VÁZQUEZ PORTOMEÑE

Naceu en Taboada, foi secretario-interventor do Concello de Carballedo ata Outubro do 2004. O seu partido político é o PP, foi senador por Pontevedra e Conselleiro de Educación, de Educación e Cultura, de Relacións Institucionais, de Cultura, e de Asuntos Parlamentarios no Parlamento de Galicia. A praza onde está situada a Casa Consistorial leva o seu nome.

MARUXA VILLANUEVA

Naceu en A Barrela, Carballedo, Lugo, o 6 de Maio de 1906. María Isaura Vázquez, foi unha das máximas figuras do teatro galego en América. Emigrou a Arxentina en 1926 en busca dun irmán, e chegou a ter un programa de música galega na televisión arxentina, patrocinado por unha casa de moda francesa. Despois dunha estadía de 20 anos en Arxentina, regresou a Galicia e desde 1971, ano da súa apertura, é a encargada da Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón.

MANUEL GARCÍA VÁZQUEZ

Máis coñecido como "Buciños", debido a que naceu no pobo que leva este nome. É un afamado escultor galego que estudou na Academia de Belas Artes de San Fernando, onde se licenciou en 1962, e desde os años 60 ou 61 xa viña traballando con Pablo Serrano, quen foi membro do grupo El Paso. Retornou a Galicia e desde 1963 reside en Ourense. A súa obra é neoclasicista e expresionista, profundamente popular e enraizada con Galicia e a súa problemática. Participou en numerosas exposicións individuais e colectivas, obtendo diversos premios como o Premio da Escola de Belas Artes (1958), Premio Diputación de Tarragona na Exposición Nacional en 1961, tres premios do Concello de Santiago (1970-73-75) e Medallas de bronce, prata e ouro en tres Bienais de Pontevedra.

XOSÉ LOIS RIPALDA GONZÁLEZ

Naceu en Erbedeiro (Carballedo, Lugo), e alí pasou os seus primeiros anos, quedando na súa mente gravadas as inquietudes da xente, que posteriormente serían tema dos seus libros. Estudou Maxisterio, o que fixo que recorrese aldeas de Galicia e Asturias, captando ambientes e costumes que enriqueceron as súas experiencias. Entre as súas obras destacan 'Un fachico de contos' (1980), 'Contos para engaiolar' (1984), 'As bolboretas brancas' (1989), 'Contos da Baiuca' (1995), 'As botas de Zapeto' (1992).

JOSÉ LUIS GRANDE GRANDE

Nome e apelidos
José Luís Grande Grande.
Lugar e data de nacemento:
Vilaquinte-carballedo (Lugo), 04-09-54.
Residencia:
en Chapela-Redondela.
Lugar de traballo:
IES–Chapela.
Correo:
jggrande@edu.xunta.es

Estado
Casado desde xullo do 78 e con dous fillos nacidos no 82 e 85.

Estudos
Primarios na escola rural de Vilaquinte, Bacharelato no Seminario de Ourense(67-73), COU no Instituto Masculino de Ourense (73-74), Licenciatura de Filoloxía Galego-portuguesa na universidade de Santiago (74-79 segunda promoción).

Docencia
Profesor de Lingua e Literatura Galega desde o curso 79-80. Os dous primeiros anos como interino; a partir do 81 como profesor agregado de instituto após aprobar as primeiras oposicións de Lingua e Literatura Galega convocadas; e desde 2008 como catedrático.

Actividade política
Concellero en Redondela durante tres mandatos, por Esquerda Galega (87-91) e polo BNG (95-03)

Obra realizada
Curso de Galego, publicado no xornal Faro de Vigo 1983-84.
Colaboración no Grande Diccionario Infantil, Edit. Marín S.A. 1985 (6 Volumes).
Colaboración no Dicionário da Língua Galega, Edit. Alhena 1986 (3volumes).
Colaboración no Comentário de Textos Literários, Edit. Alhena 1986.
Colaboración en Actividades de Expresión Oral e Escrita, Bahía Edicións 1990.
Colaboración en Actividades de Léxico 1, Bahía Edicións 1990.
Colaboración en Actividades de Léxico 2, Bahía Edicións 1990.
Colaboración en Actividades de Construción Gramatical, Bahía Edicións 1991.
Tradución do catalán de A Tuta e a Ramoneta, Cadernos da Escola Dramática Galega, 1984.
Tradución do alemán con Mª Ángeles Babarro, A historia de Moon, Edicións S.M. 1993.

XOSÉ RANDOLFE VILARIÑO

Graduado en Artes Aplicadas na Escola "Mestre Mateo" en Santiago de Compostela (1984-89). En 1987 participa como invitado na Bienal de Esmalte de Limoges (Francia) na sección de novas tendencias. Realizou estudos de Xeografía e Historia e de Enxeñería Técnica Forestal. En 1984, fixo unha viaxe de formación a París e posteriormente a Florencia. A súa pintura é froito dunha ampla mestizaxe, na que se atopan aportacións do expresionismo, surrealismo, nova figuración, arte pop, etc... Tamén realizou incursións na escultura.

ANXO GONZÁLEZ GUERRA

Naceu en Castrelos (Carballedo – Lugo). Estudou no Seminario e no Instituto Masculino de Lugo. Comezou Filoloxía no Colexio Universitario de Lugo, e en 1976 continuou os estudos en Santiago, formando parte da 1ª promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa. Nas primeiras oposicións de Lingua Galega a profesores agregados de Instituto (1981) obtivo praza no Sánchez Cantón de Pontevedra, obtendo a condición de catedrático uns anos mais tarde. Publicou en 1987 xunto coa súa muller, Vitoria Ogando Valcárcel, un libro de moito éxito nese tempo: “Exercicios de lingua”. Tamén publicou varios estudos sobre Manuel Antonio: “O idioma galego na poesía de Manuel Antonio” (1981) e “Manuel Antonio” (1982), este con Xosé Ramón Pena.

PABLO CARPINTERO ARIAS

Naceu en San Cristovo de Castro (Carballedo – Lugo). Estudou Bioloxía en Santiago de Compostela. Desde 1992 é doutor en Ciencias pola USC e actualmente traballa no Instituto de Ortopedia e Banco de Tecidos Músculoesqueléticos. Desde 2003 é profesor de Bioquímica no Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC.
Fundou a Banda de Gaitas da Asociación Cultural Val do Asma e o grupo ‘Folerpas de Chantada’. Mais tarde ingresou en ‘Cantigas e Agarimos’ e foi co-fundador do ‘Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA’ de Santiago de Compostela. Actualmente está preparando un segundo doutorado na Facultade de Historia, que versará sobre a ‘gaita de fol’ en Galicia. En 1999 formou un grupo de requinteiros co que editou ‘A Requinta de Xián’ (2003).
Actualmente exerce como profesor de ‘gaita de fol’ en diversas asociacións e escolas. Desde 2003 colabora no programa da Radio Galega ‘Lume na Palleira’. Ó longo do ano 2004 participou no programa de Xusto Carril cunha sección dedicada ó canto tradicional. En 2005 entrou na directiva da ‘Asociación de Gaiteiros Galegos’.
Desde 1992 ven recollendo información sobre a música tradicional, que levou á edición o disco ‘Os sons esquencidos’, e suporá a edición dun libro sobre os aerófonos tradicionais galegos. Está traballando, desde 2004, na edición dunha colección de discos de vellos gaiteiros. Colaborou como gaiteiro co grupo de cámara da USC na gravación do disco ‘In Itínere’. Outros traballos discográficos son: ‘Andando Camiño’ e ‘Eiquí...Acolá...’. No ano 2005 comezou unha colaboración co grupo de música barroca ‘Resonet’, que fructificou na gravación dun disco. Presentou varias comunicacións en congresos de musicoloxía nacionais e internacionais sobre a ‘gaita de fol’ e os instrumentos tradicionais galegos. En 2005 organizou unha mostra de instrumentos tradicionais galegos.
Ten actuado por toda Galicia, no resto de España e no estranxeiro. Como solista destaca a súa actuación en Bergen (Noruega) como embaixador cultural de Santiago de Compostela.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Carballedo
Concello de Carballedo
Plaza Victor Portomeñe Nº1, A Barrela 27520 Carballedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 466 201 | Fax: 982 466 352
E-mail: info@concellocarballedo.es