Fondo cabecera Concello de Carballedo

Arquitectura Civil

Por toda a xeografía de Carballedo, atópanse Pazos e Casas Grandes que aínda conservan escudos de armas, torres antigas, remates amenados, todos eles elementos diferenzadores das vivendas señoriais. O material empregado era o granito, traballado polos mestres galegos con gran oficio e sabedoría.

Pazo de Cartelos

Data do século XVIII e está situado na parroquia de Cartelos.
No interior conserva mobles de época, unha capela en perfecto estado de conservación e un escudo de armas sobre muros de granito que en conxunto lle confiren un aire señorial.
Conta ademais cunha "Carballeria", onde subsiste un carballo que pode se-lo mais antigo do mundo, a súa idade non se coñece, pero un dato importante é que unha das súas polas, derrubadas polo ciclón Hortensia en 1984, tiña 800 anos polo que a súa idade podía rolda-los 1500.
Ten 1,5 metros de perímetro, 34 metros de altura e 614 metros cadrados de copa, o seu competidor inmediato es un carballo de Suiza de 930 anos.

Casa Grande de Buciños

Está situada en Loureiro de Abaixo e pertence á parroquia de Buciños.
Data do século XVIII e pertencía á familia dos Ribadeneira, o bispo de Valladolid, Don José Antonio Ribadeneira, naceu nesta casa.
Posúe un escudo na porta de entrada, unha gran cheminea, un campanario situado entre dúas chemineas e unha capela cun escudo de armas no lintel da porta.
Na entrada da casa atópase un gran carballo, que se considera o avó de Europa.
Cando no resto dos pobos de arredor alumaban no traballo e nas reunións familiares coas candeas, esta casa xa contaba con luz eléctrica propia, debido a unha presa na que colocaron unhas turbinas.

Casa Grande de Castrelo

Data do século XVIII e está ubicada a carón do río Fondós, no pobo de Castrelo, parroquia de Castro. Conta a historia que polo ano setenta, reformando a entrada, atoparon unha bolsa con moedas de ouro recortadas, datadas aproximadamente do século XV. Na actualidade non se atopa en moi bo estado de conservación.

Casa Grande da Rica

Pertence ó século XVIII e se atopa no pobo de Sambreixo, parroquia de Veascós. O mais destacable da casa é o escudo que se atopa no interior. Conta a lenda que calquera que fose perseguido pola lei, se conseguía chegar a esta casa e chamar tres veces no pomo da porta, en forma de xigantesco lagarto, e a dona lle daba aberto a tempo, o fuxitivo quedaba protexido para sempre, pero debía permanecer na casa como criado. Tamén se conservan restos de Torres Medievais, que foron destruídas nas revoltas dos Irmandiños. Algúns destes restos son:

Torre de Milleirós

Nesa paraxe hai construída unha casa tipo Pazo á que denominan Casa da Torre, que aínda conserva un antigo escudo.

Torre de Buciños

Nesa zona atópase un pobo da parroquia de Buciños, ó que denominan Torre.

Torre de A Grixoá

Construción de orixe medieval situada na parroquia de San Estevo de Chouzán.

A casa--torre de A Grixoá é en realidade un recinto edificado que está flanqueado por dúas torres do que hoxe se conserva un torreón con planta cuadrangular e numerosas troneiras na parte superior que está a ser rehabilitado como vivenda.




Casa de Cima de Vila

Construción situada no pobo de Cima de Vila na parroquia de San Salvador do Búbal. Vivenda de estrutura rectangular, con patio interior que conserva parte da estrutura primitiva.

Presenta dúas garitas de granito, unha ó lado da entrada, e outra na parte posterior.

No frontón de entrada ó patio presenta unha pedra de armas, cun casco e acuartelado en cruz; Presenta nas catro partes, un can xogando con unha bola, un castelo con tres torres de homenaxe e unha aguia coroada, unha cruz de vieiras e por último unha tau con tres barras, sendo este último, o emblema dos Vasco de Temes.

Nun edificio próximo consérvase un pequeno escudo cun cáliz e a hostia.

Casa de Adegas

Casa de labranza do século XVII que tamén se coñece como casa de Lousada. Está situada en no lugar de Adegas na parroquia de San Pedro de Erbedeiro.

Nesta casa habitaron D. Alonso de Losada e Prado e Dña. Josefa Enríquez e Pimentel proxenitores de D. Esteban de Losada dono do coto de Sergude e da parroquia de Vilaquinte.

Sobre a porta principal que da acceso ó camiño ábrese un arco de medio punto de grandes doelas coroado por un escudo de granito, que acuartelado presenta un castelo, outro castelo con aguia, unha árbore con unha aguia e unha lousa sobre dous lagartos (emblema dos Lousada).

Casa da Torre de Vilaquinte

A coñecida como torre de Vilaquinte estaba situada no lugar do mesmo nome, na parroquia de Vilaquinte.

No ano 1873 os propietarios da casa do Souto, situada tamén en Vilaquinte, herdan a torre e aproveitan a pedra da mesma para facer a capela e a parte nova da casa. No lintel da porta de entrada á casa un gravado deixa constancia de dita reedificación.

No lugar de A Torre queda como recordo da construción unha casa que formou parte do conxunto da torre, e na que se conservan dúas pedras de armas encaixadas no muro, un lintel con inscrición ilexible e un mascarón de cabeza humana que se acostumaba a colocar no aleiro sobre a porta principal.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Carballedo
Concello de Carballedo
Plaza Victor Portomeñe Nº1, A Barrela 27520 Carballedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 466 201 | Fax: 982 466 352
E-mail: info@concellocarballedo.es