Fondo cabecera Concello de Carballedo
Inicio » Turismo » Historia

Complexo de Temes

Complexo de Temes

Pertence á igrexa de Santa María de Temes, ó Concello de Carballedo. A Casa Rectoral é unha singular atalaia de Os Peares, confluencia dos ríos Miño, Búbal e Sil. No Río Sil existía en tempos romanos o porto fluvial chamado ¿Polumbario¿ (de Pombeiro).

Tanto o contido e a historia deste conxunto, como toda a abundante bibliografía que os avala, atopámolo amplamente exposto no libro de Xaime Delgado, ¿El Complejo de Temes¿ (A Coruña, 1997)

Neste complexo histórico-arqueolóxico interesa diferenciar tres etapas claramente definidas: a prerromana e romana, a paleocristiá e a cristiá-visigoda.

Etapa prerromana e romana

Vestixios prerromanos son unha chea de castros que se atopan no contorno de Temes. Pero tamén é o mesmo nome de Temes. A súa raíz ¿Tem¿, segundo a investigación de Nicandro Ares Vázquez, é xa indoeuropea e responde aquí a un grupo étnico.

Son varios, igualmente, os vestixios romanos. Sobresae a presenza dunha ara dedicada ós deuses ¿Lares Viales¿.

Recóllese na lendaria tradición a existencia aquí de un Marcelo romano. A este militar Marcelo, xa cristián, emparéntao tamén a tradición con aquela familia dos Temes.

A etapa paleocristiá

Desde Roma chegou ata aquí un rico cargamento de pezas marmóreas prefabricadas nun taller romano e traídas deica o veciño porto ¿Polumbario¿ aproveitando a vía navegable do Miño. Este cargamento compoñíase de pezas arquitectónicas e dun rico sarcófago do que aínda non apareceu mais que a tapa. É xusto dicir que aquí, en Temes, se atopan as dúas testemuñas cristiás máis antigas de Galicia ata agora coñecidas. Unha é a iconografía da devandita tapa do sarcófago e a outra a inscrición gravada nunha placa granítica.

a) Pezas arquitectónicas

Formando parte dos muros exteriores da igrexa de Temes estaban á vista tres capiteis para coroar dúas pilastras. Outro para unha columna facía de soporte dunha pía de auga bendita. Isto indica a existencia doutros dous máis, un de columna e outro de pilastra, pero aínda non aparecidos. Todos eles pertencen a un estilo tardo-imperial.

Son varios os restos das dúas columnas. Tamén se conservan dous das catro pilastras. Unha foi retocada para axeitala no muro sur do presbiterio. A outra fai agora de mesa do altar, apoiada sobre dous dos capiteis mellor conservados.

Segundo a análise de varias destas pezas feita no Instituto Pontificio di Archeologia Cristiana de Roma, este mármore resultou ser cipolino grego de Caristio. En cambio, o fermoso mármore da tapa do sarcófago, moi branco e de fino gran, é das canteiras pentélicas de Atenas.

b) A tapa do sarcófago

Debemos concretar a súa confección nun taller romano na época constantiniá (312-337). Pero o seu estudo permítenos situala con moita probabilidade na década 315-325. Atópase incrustada como material de construción enriba do arco triunfal da igrexa. No seu ático nárranse iconográficamente tres escenas bíblicas: a Adoración dos Magos, o pecado de Adán e Eva e o ciclo de Xonás. Entre a segunda e a terceira escena, ben recadrada, aparece a cartela ou ¿tabella¿, na que debería figurar o nome e datos do defunto, mais que nunca se escribiron.

c) A primeira inscrición cristiá de Galicia

Esta inscrición ten o extraordinario privilexio de ser o primeiro documento cristián escrito da nosa Galicia ata agora coñecido. Atópase esculpida nunha pedra granítica encaixada na parte alta e interior do muro norte do presbiterio. Recadradas por borda funicular, as letras de tipoloxía cadrada romana, din: FIDES SPES CARITAS (Fe, Esperanza, Caridade).

Do mesmo tempo é unha pomba esculturada noutra pedra igualmente granítica e situada no lateral da nave.

Etapa cristiá-visigoda

Varios restos arqueolóxicos testemuñan esta etapa. Pero entre eles un é singularmente importante. Trátase dunha pedra encaixada no interior do muro norte da nave. Nela aparece en tres liñas a seguinte inscrición: SAGRATIO TEMPLI KL / DCBS IN ERA DCCC / (X) L (A) (I) II. Despois dun estudo profundo traduciuse como: A consagración do templo foi dous días antes das kalendas de Decembro (30 de novembro), na era 843 (ano 805). Consérvanse outras pezas da igrexa visigótica. A máis interesante é un modillón. Esta igrexa visigótica foi substituída por outra no ano 1776. Nos seus muros reutilizaron case todas as pezas paleocristiás agora existentes. Despois, nos primeiros anos do século XX, ruinosa a súa fachada, reemprazouse pola actual, pero adiantándoa tres metros.

Da etapa renacentista é o sagrario do altar maior, no que aparece Cristo saíndo do sepulcro, entre os apóstolos Pedro e Pablo. Non de inferior categoría son a imaxe barroca de Santa María coroada por dous anxos e as pinturas que están detrás do retablo.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Carballedo
Concello de Carballedo
Plaza Victor Portomeñe Nº1, A Barrela 27520 Carballedo - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 466 201 | Fax: 982 466 352
E-mail: info@concellocarballedo.es